1.232 restos neolíticos recuperados na construción da AG-57

8 de outubro de 2020. A construción da AG-57, que discorre entre Puxeiros e Baiona, en 1999 supuxo o descubrimento excepcional de máis de 1.232 obxectos arqueolóxicos no monte da Carrasca, na parroquia de Parada (Nigrán), entre os que se atopan restos cerámicos, fragmentos de muíños, machetas pulidas e mesmo un ídolo de pedra. Este conxunto de pezas neolíticas, coñecido como Túmulo dos Consellos, simboliza o enxoval funerario que acompañaba aos mortos nos enterramentos megalíticos de Galicia, uns 5.500 anos a. C., moitos séculos antes das pirámides do antigo Exipto.

Segundo os expertos, foi o interés de Autoestradas de Galicia e da Xunta de Galicia por respectar e preservar este patrimonio o que impulsou que nas obras da autoestrada do Val Miñor puidera planificarse un pormenorizado proxecto de intervencións arqueolóxicas que permitiron salvagardar este achado. Na primeira fase do proxecto realizáronse as escavacións para a recuperación dos restos; na segunda, practicáronse sondaxes para verificar a presenza de máis xacementos; e na derradeira, levouse a cabo un seguimento e control de todas as obras, incluíndo calquera movemento de terra, para detectar a posible aparición de calquera outro tipo de resto.

Unha selección desta descuberta pódese contemplar nunha das principais salas da exposición permanente do Museo de Pontevedra, que reabriu as súas portas o pasado 2 de xuño.