A Xunta bonifica un 50% as viaxes nocturnas nas Autoestradas de Galicia

30.09.19. Autoestradas de Galicia lanza esta noite, ás 00.00 horas, unha bonificación do 50% para calquera traxecto que se realice entre as 00.00 horas e as 6.00 horas e que sexa abonado con telepeaxe. As horas da rebaixa contabilízanse no momento en que o vehículo pasa polo dispositivo de telepeaxe.
A bonificación aplícase a todo tipo de vehículos (lixeiros e pesados) en calquera traxecto nocturno e calquera día da semana, excepto domingos e festivos. A rebaixa está financiada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Autoestradas de Galicia mantén á rebaixa do 25% para calquera viaxe de ida e volta abonada con telepeaxe no mesmo día (excepto domingos e festivos), e a do 50% para a segunda e máis viaxes de ida e volta. Este desconto acumúlase co nocturno, segundo o novo convenio asinado por Autoestradas de Galicia e a Consellería de Infraestruturas. A Xunta, titular das Autoestradas de Galicia adica a estas bonificacións (durante 2019) un investimento de 0,93 millóns de euros.

O pagamento pode realizarse mediante calquera dos dispositivos de telepeaxe que existen no mercado. A compañía Bip&Drive (participada por Itínere e outras empresas especializadas na xestión de autoestradas) comercializa dispositivos de telepeaxe cun custo de 10 euros + IVA durante o primeiro ano e de 15 euros + IVA a partir do segundo ano. As condicións, vantaxes e prezos de Bip&Drive poden consultase na súa  páxina web.

Autoestradas de Galicia é unha sociedade concesionaria (pertenecente ao grupo Itínere) que xestiona as autoestradas Vigo-Baiona (AG-57) e A Coruña-Carballo (AG-55). O tramo de peaxe da AG-57 discorre entre Puxeiros (Vigo) e o Val Miñor, con 25 kilómetros de percorrido. A AG-55 conecta A Coruña coa Costa da Morte, cun percorrido de 32,5 kilómetros.

[PINCHA AQUÍ PARA VER DIARIO OFICIAL DE GALICIA]

[PINCHA AQUÍ PARA LER A NOTA DE PRENSA]